Tras 13 anos loitando e gozando do tríatlon, xusto cando
fixera realidade o soño de poder dedicarme profesionalmente ao deporte, tomo a decisión
de facer un alto neste camiño. Dende outubro estou en Madrid cursando un Máster
en Xestión Internacional da Empresa (MBA) grazas a unhas prestixiosas bolsas do
ICEX (Instituto de Comercio Exterior). Esta formación sirve como paso previo para
traballar durante un ano nunha embaixada española no mundo e iniciar así a miña
carreira laboral. Tampouco é un camiño doado, pero como fixen no deporte, quen
non está disposto a pelexar cando hai ilusión?
Isto significa afastarme, cando menos durante un tempo,
da práctica do deporte de alto nivel, esa
chama que iluminou a miña vida nestes 13 anos. Xusto agora que son o vixente Subcampión
de España; que a ilusión era máxima tras verme pelexando de ti a ti cos
mellores do mundo acadando ese 6º e 12º lugar nas Copas do Mundo de Huatulco (México)
e Alacante (España) respectivamente. Xusto agora que era rendible economicamente
o esforzo de tantos anos grazas a competir con grandes clubs en España,
Francia, Portugal e Alemania.
A decisión non foi fácil. Sempre me quedará a dúbida de
non ter perseguido con maior firmeza unha oferta para mudar de nacionalidade e
loitar por estar nos XXOO de Rio'16. Negociacións que infelizmente non se
puideron concretar. Ogallá un día exista en España unha cultura deportiva, e
non de personalismos e ídolos, que permita aos deportistas vivir dignamente con
algunhas garantías de futuro.
Miro cara atrás e síntome privilexiado de ter feito
realidade o meu soño de adolescente: competir polo mundo adiante sendo
internacional dende 2005, loitando contra os mellores e contra min mesmo día a
día. Recordo especialmente esa primeira viaxe a Grecia para disputar un
Campionato de Europa Júnior, onde rematei diante do hoxe ouro olímpico,
Alistair Brownlee. Moitas carreiras. Paixón. Algunhas vitorias. Soños. Algunha
derrota. Aprendizaxe. Sempre hai lesións. Reinvención. Varios ósos rotos.
Tenacidade. Moitas viaxes. Moitos amigos. Moitas bágoas de esforzo. Algunhas de
satisfación que recompensan sobre maneira calquera momento duro. Pero sobre
todo: miles de experiencias. Imborrables.
Quero agradecer o impagable apoio da miña familia, amigos
e adestradores (César Varela, Diego Álvarez e José Rioseco). Así como a todas
as marcas que me axudaron e axudan, destacando especialmente a New Balance e
Massi, e ao esforzo de Pepe e Pelé. Ao meu club: Arcade Inforhouse Santiago, seguirei
correndo cebra e facendo labores de
Director Técnico. Non me esquezo tampouco doutra xente moi importante no meu
día a día como triatleta: compañeiros (e amigos) de adestramentos, persoal das
piscinas, pistas de atletismo,... e tampouco da miña familia sudafricana. Grazas
tamén, por que non, á Federación Española, especialmente ó seu antigo Director
Técnico, porque coas súas trabadelas fíxome máis forte e tenaz.
Quero mirar cara adiante. Só me afasto, quizá só temporalmente,
do tríatlon profesional. Pero non me distancio do deporte. Sigo adestrando cada
día dentro das posibilidades que me deixa o Máster. A responsabilidade
trasládase dende o mono de carreiras ás sesións de biblioteca. Pero a paixón
por medrar, aprender e desfrutar segue intacta sexa fronte a un libro ou nunha
liña de saída dalgunha carreira. Seguirei acudindo ás probas e pelexando sempre
que sexa posible. E sempre berrando: LUME!
1 comentarios:
Parabéns pola decisión e a seguir loitando!!
Publicar un comentario