ANTÓN RUANOVA DEIXA TEMPORALMENTE O DEPORTE DE ALTO NIVEL

ANTÓN RUANOVA DEIXA TEMPORALMENTE O DEPORTE DE ALTO NIVEL

ANTÓN RUANOVA DEIXA TEMPORALMENTE O DEPORTE DE ALTO NIVEL

Tras 13 anos loitando e gozando do tríatlon, xusto cando fixera realidade o soño de poder dedicarme profesionalmente ao deporte, tomo a decisión de facer un alto neste camiño. Dende outubro estou en Madrid cursando un Máster en Xestión Internacional da Empresa (MBA) grazas a unhas prestixiosas bolsas do ICEX (Instituto de Comercio Exterior). Esta formación sirve como paso previo para traballar durante un ano nunha embaixada española no mundo e iniciar así a miña carreira laboral. Tampouco é un camiño doado, pero como fixen no deporte, quen non está disposto a pelexar cando hai ilusión?

Isto significa afastarme, cando menos durante un tempo, da práctica do deporte de alto  nivel, esa chama que iluminou a miña vida nestes 13 anos. Xusto agora que son o vixente Subcampión de España; que a ilusión era máxima tras verme pelexando de ti a ti cos mellores do mundo acadando ese 6º e 12º lugar nas Copas do Mundo de Huatulco (México) e Alacante (España) respectivamente. Xusto agora que era rendible economicamente o esforzo de tantos anos grazas a competir con grandes clubs en España, Francia, Portugal e Alemania.
A decisión non foi fácil. Sempre me quedará a dúbida de non ter perseguido con maior firmeza unha oferta para mudar de nacionalidade e loitar por estar nos XXOO de Rio'16. Negociacións que infelizmente non se puideron concretar. Ogallá un día exista en España unha cultura deportiva, e non de personalismos e ídolos, que permita aos deportistas vivir dignamente con algunhas garantías de futuro.

Miro cara atrás e síntome privilexiado de ter feito realidade o meu soño de adolescente: competir polo mundo adiante sendo internacional dende 2005, loitando contra os mellores e contra min mesmo día a día. Recordo especialmente esa primeira viaxe a Grecia para disputar un Campionato de Europa Júnior, onde rematei diante do hoxe ouro olímpico, Alistair Brownlee. Moitas carreiras. Paixón. Algunhas vitorias. Soños. Algunha derrota. Aprendizaxe. Sempre hai lesións. Reinvención. Varios ósos rotos. Tenacidade. Moitas viaxes. Moitos amigos. Moitas bágoas de esforzo. Algunhas de satisfación que recompensan sobre maneira calquera momento duro. Pero sobre todo: miles de experiencias. Imborrables.

Quero agradecer o impagable apoio da miña familia, amigos e adestradores (César Varela, Diego Álvarez e José Rioseco). Así como a todas as marcas que me axudaron e axudan, destacando especialmente a New Balance e Massi, e ao esforzo de Pepe e Pelé. Ao meu club: Arcade Inforhouse Santiago, seguirei correndo cebra e facendo labores de Director Técnico. Non me esquezo tampouco doutra xente moi importante no meu día a día como triatleta: compañeiros (e amigos) de adestramentos, persoal das piscinas, pistas de atletismo,... e tampouco da miña familia sudafricana. Grazas tamén, por que non, á Federación Española, especialmente ó seu antigo Director Técnico, porque coas súas trabadelas fíxome máis forte e tenaz.


Quero mirar cara adiante. Só me afasto, quizá só temporalmente, do tríatlon profesional. Pero non me distancio do deporte. Sigo adestrando cada día dentro das posibilidades que me deixa o Máster. A responsabilidade trasládase dende o mono de carreiras ás sesións de biblioteca. Pero a paixón por medrar, aprender e desfrutar segue intacta sexa fronte a un libro ou nunha liña de saída dalgunha carreira. Seguirei acudindo ás probas e pelexando sempre que sexa posible. E sempre berrando: LUME!

1 comentarios:

Unknown dijo...

Parabéns pola decisión e a seguir loitando!!

Contacta Conmigo

Escríbeme, te contesto rápidamente

  • Rúa Piñeiro De Villestro 38.
    15896-Santiago De Compostela. Galicia
  • Solo Whatsapp: +34 656 914 531
  • antonruanova@gmail.com
  • www.antonruanova.run